miércoles, 29 de mayo de 2013

Visita á EEI AS DUNAS en Panxón

Outro día de moito movemento, que comezou no EEI As Dunas de Panxón.

Cheguei ao centro da man do meu amigo Marcos, pai de Iago (alumno do centro e tamén amigo). Ei dicir que sorprendeume cunha chea de agasallos que non agardaba. Teño un para ti Luz!!
E podo dicir que os máis fermoso de todos foron dous libriños feitos por Iago :)

A poesía une a persoas que baixo outras circunstancias nunca tocarían as súas almas. É o fermoso... Xa o dicía onte Mestre Antonio e canta razón ten. Esas relacións persoais nacidas ao abeiro das palabras.

Destacar o traballo das docentes e a súa participación activa. Si...Estou sorrindo!

Teño unha débeda con elas, e agardo que o fermoso bolígrafo que teño gardado no peto do meu pantalón sexa fonte da que xorden cento de historias coas que agasallar @s nen@s.

En concreto desexo facer unha para a ratiña Lola mascota da bibliodunas.

Quedo cunha frase de Raquel Arca (amiga dende xa):

"A ti,por ensinarnos a amar a poesía e a disfrutar con ela".

Non sei se es consciente do que representa esa frase para min...

A POESÍA NECESARIA. Sen lugar a dúbida!
Onte, hoxe e por sempre.


"hoxe a escuridade é menos terrible, e os silencios
son feridos por diminutos dedos cheos da esperanza
dun pobo, que se resiste a morrer na indiferenza
desta longa noite de esquecemento".



 
Miguel Ángel Alonso Diz
 


SEMPRE VIVOS!
SEMPRE CURIOSOS!
SEMPRE NEN@S!
SEMPRE POESÍA!

CANTO DE BERCE


domingo, 26 de mayo de 2013

Que quedará de nós?

 
 
 
 
Vimos de rematar esta semana unha actividade sobre Rosalía que titulamos “Ola ríos, ola fontes”.

Realizámola a través do servizo de normalización lingüística do Concello de Vigo, ao que lle estou moi agradecido polo seu compromiso e traballo a prol do galego, e por confiar en nós para achegar a Rosalía @s máis pequen@s. Non temos o nome e o nivel de difusión doutras persoas,  pero si unha fe no que facemos  e unha capacidade de traballo enorme.

Foron máis de 500 rapaces e rapazas os que pasaron polos nosos ollos. E debo dicir que a paisaxe debuxada na zona de Vigo é realmente triste no que ao idioma se refire.

Menos de 15 rapaces eran galego falantes. O resto eran castelán falantes en exclusiva, e debo engadir que deles uns dez, aproximadamente, amosaron algún tipo de rexeite ao escoitarme falar en galego con frases como:
“Yo soy español”; ou “no vas a contarlo en español?”,  “vaya…” – isto en nen@s de 4-5 anos.
Tamén dicir que o galego, nalgúns sitios, está desprazado como segunda lingua estranxeira detrás do inglés.  Rojo – red – vermello?

E non vou culpar aos compañeiros docentes porque o problema xa ven da casa. Os culpables somos todos nós, @s galeg@s.
O traballo de desgaleguización da sociedade feito pola Xunta está a dar os seus froitos. A verdade é que neste senso debo felicitalos porque están acadando o seu obxectivo. 
O exilio do Xabarín na TVG2 é a súa lenta morte a través dun formato gastado e contidos do século pasado foi un acerto neste sentido, xa que moit@s galeg@s comezaran a medrar fai 18 anos tendo unha percepción positiva do noso idioma, por primeira vez en moito tempo debo engadir.
Non comprendo o interese que durme baixo a premisa de ser máis pobres, máis ignorantes, máis grises. Quizais a busca da homoxeneidade,  da docilidade…

A todo isto ligo o tema das minas proxectadas en Galicia, e que xa non son unha metáfora do asasinato dun pobo, dunha terra. Senón, a realización práctica e palpable deste crime.

Imos ferir directamente a terra, destruíla, esgotala, rompela e contaminala. Acabar cos bosques, cos ríos, os animais… Con todo en definitiva.
 
 

Quizais se decataron de que:
 
Os cans falan galego
e os paxaros e os gatos,
as pitas e os porcos
xogan en galego.
 
Incluso as formigas
dan as ordes en galego.
 
Tamén falan as árbores
e a ialma do vento.
 
As flores, as avellas,
as tenras bolboretas
e o rexo firmamento.
 
O tempo no seu vagar
faino en galego.
 
Todo nesta terra
latexa en galego.
 
 
 
Quizais se decataron disto, e é por iso que agora decidiron ir contra a mesma terra. Contra a alma de Galicia.

Porque ninguén pode ser tan estúpido para facer isto dende a ignorancia.

Ninguén pode ser tan cego.

É imposible.

 
 
 
Miguel Ángel Alonso Diz
 
 
 

Taboleiro do libro galego (X) (do 11 ao 25 de maio)


Taboleiro do libro galego (X) (do 11 ao 25 de maio)




 
 
 
http://cadernodacritica.blogaliza.org/2013/05/25/taboleiro-do-libro-galego-x-do-11-ao-25-de-maio/

martes, 21 de mayo de 2013

Poema sobre foto de Ruy Man -PHOTOTRAVEL-







"A poesía é o eco da melodía do universo no corazón dos humanos."
Rabindranath Tagore




Direi que é de noite
e as almas murmuran
lembranzas húmidas
no día que durme

Ofrendas de luz e soño
descansan o seu corpo
a beira do Indo,
mentres unha muller
mantén acesa
a luz da nosa esperanza.

Todo e silencio e canto
nas súas engurras,
fíos de vida
na pel das súas dedas,
bágoas de ausencia
nas súas pálpebras.

Direi que é de noite
e que o universo murmura
lembranzas húmidas
no día que durme.


jueves, 9 de mayo de 2013

I KILL YOU



Foto: Ruy Man
 


"No é tarefa fácil educar ós xoves, adestralos, en cambio, é moi doado." Rabindranath Tagore


I kill you
Cun sorriso nos ollos secos
case sen pasado que comer
e pouco o nada que perder
no futuro imaxinado.

Luz na ollada deserto
divindade non domesticada
no peito que esperta.

Apertar o gatillo
é berrar
I KILL YOU           infancia
I KILL YOU           ollada
I KILL YOU
I KILL YOU

E un tigre baila na chaira
a danza da nosa morte,
mentres un neno aprende
o baile
cun sorriso nos ollos secos.

Todo é silencio
despois do disparo.

Abro os ollos
e aí segues ti
apuntando.