viernes, 2 de noviembre de 2012

Máscaras na realidade





Levo dous días bloqueado, e iso produce en min unha terrible sensación de desacougo. Teño varios proxectos nos ollos, pero nestes días estiven centrado nun deles case dun xeito exclusivo. Poñerse na pel e na mente dun ser oposto ao que un é, non resulta unha tarefa doada…

Quizais por iso, hoxe deixei de camiñar polo aire e centreime en temas non literarios.

Non podo evitar pousar a miña ollada crítica sobre a realidade, esa realidade que tento modificar teimosamente a través das miñas palabras e as miñas accións.

O primeiro que fixen foi abandonar un grupo do facebook, que se ben ten un nome suxestivo, non é máis que unha plataforma para o ego de algunhas persoas que loitan por un sitio nun parnaso que nin entendo, nin me interesa. Coñecelas e ver a imaxe que proxectan é difícil de dixerir.
Que, no pasado, utilizasen un tema tan sensible como o maltrato como unha ferramenta  para facer un dano premeditado é repulsivo. Logo, comprobar a inclusión de textos nalgún libro sobre as mulleres e súa loita fai que se remova o estómago.

Máscaras….

Logo preparo a documentación para levar aos tribunais a un individuo que emprega unha enfermidade como o cancro para pedirlle diñeiro ao club de baloncesto co que eu colaboro dende fai 12 anos. Diñeiro que non ten pensando devolver e que, polo que me contaron, morreu afogado nas mesas de xogo.

Cústame dixerir isto, sobre todo despois de darlle a oportunidade de cambiar a súa conduta.

Pregunto en diversos sitios, cousas de ter amig@s, e todas as historias constrúen un mesmo personaxe no que a mentira, o engano e a estafa son un selo de identidade inequívoca.

Choro entón, no meu silencio, por unha amiga enganada por un primeiro amor. Sei do seu erro e sei que non podo facer nada. Seica o tempo daralle unha lección, que agardo non deixe cicatrices moi profundas.

Máscaras

Lembro unha conversa na rúa de Príncipe cunha rapaza, Ana, que me explica a labor que veñen realizando en zonas de conflicto.

http://www.acnur.org/t3/

Quero pensar que inda quedan persoas de luz no medio de tanta miseria humana.

Conversamos e coméntolle que podo espallar a súa páxina no meu blog. Explícolle a miña situación, sorrimos, dámonos un bico e finalmente perdo os meus pasos entre a choiva que loitaba por nacer...

 

Penso neste texto mentres camiño por un centro comercial coa miña filla agarrada da man. Non podo evitar ollala e dubidar se, en realidade, lle estou ensinando a vivir neste mundo de máscaras que confunde a bondade coa estupidez.

Pérdome no seu sorriso e comezo a soñar de novo...
 
 

 

 

  

No hay comentarios:

Publicar un comentario