viernes, 27 de abril de 2012





ANTE JOHN LENNON, MÚSICO-POETA
ASASINADO EN MANHATTAN




Escacharei a copa da queimada contra
da foto vil dese asasino Chapman.

E escoitarei os cantos teus,
John Lennon,
que os sete tiros tolos non abafan.

E acenderei un lume meu por dentro.
Contra a túa morte acenderei a rabia.

E escoitaremos cantos teus,
John Lennon,
e vibrarás
poeta,
en novas chamas.

Non vou querer doce licor nos labios,
si o estupor das aves en Manhattan,
dos soños dos meniños despertados
agremente en Nova York coa alba,
da dor de Yoko Ono,
dos amigos,
de Liverpool,
de Belfast,
das rapazas,
das xentes ledas que a cidade oprime,
co teu cantar un día liberadas.

Escoitaremos cantos teus,
John Lennon,
que a envexa en sete tiros non escacha.

II

Por Lennon e os poetas que a tolice
do mundo está matando,
en pé.
Calade.
Bebede.
Unha lembranza.

E, en silencio,
ollade o mar aberto, as amplas rotas
dos soños e as gaivotas non cazadas
cos ollos como croios
secos,
duros,
igual que barcos que andan sempre avante.

Nós non choramos
porque xa sabemos
que é inútil,
que é moi tarde.

Nós non choramos, Pero, tristes somos
caracolas tiradas rente ao mar, á escoita
dunha música interna que fabrica
lentamente, entre ruídos, praias suaves,
a furna dos tesouros
por días e por noites,
para a alba
que ha de estoupar en cor,
luz,
son,
verdade.

Gardade un gran silencio. Hoxe as guitarras,
en memoria de Lennon e outros moitos
poetas e cantantes,
han de imitar o son do mar máis agre.

BERNARDINO GRAÑA

No hay comentarios:

Publicar un comentario